Polémica en Portugal por unha medida que dividiría as zonas con cores, segundo a incidencia do virus
En Portugal hai polémica por unha medida que quere poñer en marcha o Goberno. Queren que os cidadáns saiban que zonas teñen máis incidencia do virus, sinalizándoas con cores, coma se fose un semáforo. A idea non lle gusta a todo o mundo.
Aínda non se definiu de todo e xa ten detractores. O secretario de Estado para a Saúde anunciou que están deseñando un plan para dividir zonas en tres cores: verde, ámbar e vermella, dependendo da incidencia do virus. Esa clasificación sería pública e estaría dispoñible en redes sociais e medios de comunicación para facilitarlle ao cidadán moverse polo país e polas cidades sabendo se hai gromos e se son graves.
Aínda que dende a oposición non deron o seu parecer, nos faladoiros políticos de radio e televisión xa houbo quen criticou a idea por considerala estigmatizadora para as zonas que, sen ter culpa, din, serán castigadas cun semáforo vermello e sinaladas co dedo.