Permítese a ocupación total no transporte público e recoméndase non falar
Entra en vigor o novo protocolo elaborado pola Xunta para o transporte público en tempos de covid−19. Estas disposicións corrixen as medidas anunciadas o pasado mércores, que limitaban a ocupación ao 50 por cento nas zonas con maior incidencia do virus.
Desde hoxe poderase ocupar o 100 por cento das prazas e mesmo se poderá viaxar de pé, procurando manter a maior distancia posible co resto de viaxeiros.
O protocolo establece a prohibición de comer nos traxectos dunha duración menor de dúas horas e recomenda tamén que se evite beber e falar.
Ademais, aconsella que se numeren as prazas para que cada viaxeiro utilice a mesma durante toda a viaxe.
Estas medidas aféctanlle a todo o transporte público, urbano e interurbano, terrestre e marítimo. Segundo a Xunta, con elas garántese a seguridade e a eficiencia no transporte.