CRTVG

Buscar

Podemos pide a nulidade da causa por malversación

Publicado o 12/08/2020 19:23

O recurso de Podemos é da semana pasada, pero este mércores coñeceuse o seu contido. Alegan que o denunciante, o seu ex-avogado José Manuel Calvente, está vulnerando o deber de confidencialidade, que o xuíz non lles enviou máis que unha parte da súa declaración e que todas as acusacións de malversación ou administración desleal carecen de probas.

Rafa Mayoral, secretario de Movemementos Sociais de Podemos, sostén que "non hai achega de ningún indicio delituoso. O único que hai son achegas dalgúns documentos que aderezan un conxunto de suposicións que non se sosteñen por ningunha parte e que rallarían o ridículo se non fose porque hai un procedimento xudicial en marcha. Durante moito tempo, intentouse por todos os medios que non puidésemos chegar ao Goberno. Hoxe inténtase sacarnos do Goberno como dea lugar".

O xuíz pregunta polo destino de 55.000 euros que saíron da caixa de solidariedade de Podemos e pide información sobre os pagos a dúas consultoras, coas que sospeita que o partido simulou contratos para canalizar subvencións públicas que, segundo o denunciante, irían parar ás mans do fundador do partido, Juan Carlos Monedero. O PP cre que hai abondo para pedir a saída de Pablo Iglesias do Goberno.

Para Antonio González Terol, vicesecretario de Política Territorial do PP, "non pode permanecer un minuto máis no Goberno de España quen presumiu que en circunstancias como estas o que hai que facer é dimitir. E ao señor Sánchez, se non quere ser responsable das consecuencias xudiciais dos presuntos casos de corrupción que salpican ao vicepresidente do seu Goberno, ten que cesalo inmediatamente".

O presidente de Vox, Santiago Abascal, cre que a investigación é un motivo máis para a moción de censura que vai presentar en setembro.

Noticias web

12/08/2020