Podemos pasear no concello da segunda residencia se durmimos nela
Os concellos costeiros están cansos dos paseantes. Das persoas que non viven alí, pero que estes días invaden as súas vilas a pesar da pandemia.
A norma é clara. Dende que comezou a fase 1 podemos movernos por toda a provincia, pero só para as actividades permitidas. Para mercar, ir a bancos, farmacias, salóns de peiteado, pero non para o paseo habitual, que debe facerse á beira da casa. Ir pasear á costa en masa pon en perigo a saúde de todos.
O que si podemos facer é trasladarnos á segunda residencia. E, se quedamos alí a durmir, poderemos pasear pola zona como un veciño máis. Tamén se estamos nun hotel ou nunha caravana. Pero ollo coas trampas. O que non se pode facer é usar de escusa que temos un piso en Baiona para ir pasear alí pola tarde e despois volver durmir a Vigo porque é alí onde estamos facendo vida. Ou vivimos nun concello ou vivimos noutro.