CRTVG

Buscar

Luís Villares insiste en que Paula Quinteiro debe asumir a súa responsabilidade individual

Publicado o 07/04/2018 21:25

Non cesa a polémica arredor da deputada Paula Quinteiro. Hoxe mesmo Podemos Galicia chamou a reconstruír En Marea polo que considera unha situación de "anormalidade democrática".

Nun comunicado o grupo liderado por Carmen Santos subliñou o seu respaldo a Quinteiro a quen considera "vítima dunha caza de bruxas orquestrada polo PP e na que lamentablemente, din, caeron tamén persoas do espazo de cambio" en alusión a Luís Villares.

Cren que a consulta as bases proposta polo portavoz de En Marea sería un fito inadmisible por ir en contra do acordado polo grupo parlamentario. E desde Anova amosan a súa preocupación polas dinámicas internas que segundo consideran están deteriorando a imaxe publica de En Marea.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, respondeu esta mañá a este comunicado. Dixo que o espazo político de En Marea está baseado na ética e que neste caso Paula Quinteiro debe asumir a súa responsabilidade individual.

"É inxusto facer cargar sobre o Grupo Parlamentario unha responsabilidade colectiva cando a responsabilidade do caso falado é individual e teñen que ser as persoas as que respondan dos seus actos."

Noticias web

07/04/2018