CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez perde a investidura tras fracasar na negociación con Podemos

Publicado o 25/07/2019 22:04

O Congreso volveu rexeitar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno por 155 votos en contra, 124 a favor e 67 abstencións. A imposiblidade de chegar a un acordo de Goberno coa formación de Iglesias tombou a investidura na segunda votación na que lle chegaba con que os sis superaran os nons. Podemos, Ciudadanos e PP falan da incapacidade negociadora de Sánchez. Para o PSOE que non haxa goberno é culpa da dereita e de Podemos.

A última sesión desta investidura volveu evidenciar a distancia que separaba as posturas de PSOE e Unidas Podemos. E iso que as negociacións se estenderon practicamente ata o momento mesmo da votación. Tanto foi así que puidemos presenciar a insólita imaxe dunha oferta de última hora lanzada desde o mesmo atril do hemiciclo, cando Pablo Iglesias lle ofreceu a Pedro Sánchez renunciar ao ministerio de Traballo a cambio das competencias en políticas activas de emprego. Pero era xa demasiado tarde.

O candidato socialista acusou o líder de Unidas Podemos que preocuparse máis polos ministerios que polo programa e de pretender controlar practicamente todo o executivo. Sánchez defendeu como respectuosa e sensata a súa oferta dunha vicepresidencia e tres ministerios. Pola súa banda, o líder de Podemos insistiu en que non pedían carteiras, senón competencias e lamentou que as negociacións comezasen a poucas horas da investidura. Iglesias deixou a porta aberta a seguir negociando para evitar a repetición electoral.

Pedro Sánchez acusou a Pablo Iglesias de frustrar a oportunidade histórica do primeiro goberno de coalición da democracia. O líder socialista acusou o de Unidas Podemos de antepoñer os ministerios ao programa e de querer controlar o 100% dos ingresos e o 50% dos gastos do Executivo.

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "E ao coñecer as súas propostas decatámonos de que quería entrar no Goberno para controlar o Goberno. E se vostede me obriga a elixir entre a presidencia do Goberno de España que non serviría a España ou ben optar polas miñas conviccións, non teño ningunha dúbida: elixo as miñas conviccións, elixo protexer España".

Minutos antes, Sánchez ofreceralle a Iglesias unha vicepresidencia de asuntos sociais e 3 ministerios: Sanidade, Vivenda e Igualdade.

Pedro Sánchez, candidato á presidencia do Goberno: "Non coñezo precedente algún en que un dirixente se sinta humillado ante a oferta dunha vicepresidencia do Goberno ou dun ministerio do Goberno de España. Pode que non sexa o que vostede desexaba, pero ofrecémoslle unha proposta respectuosa, correcta e sensata".

Pablo Iglesias reprochoulle ao líder socialista a súa tardanza en iniciar as negociacións.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "É moi dificil negociar en 48 horas o que non se quixo negociar en 80 días".

E defendeu que non pedían ministerios, senón competencias. Un exemplo foi a contraproposta de último minuto que lanzou desde o atril para salvar a investidura e que os socialistas nin sequera contemplaron.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos: "Renunciamos ao Ministerio de Traballo se vostedes nos ceden as competencias para dirixir as políticas activas de emprego".

Adriana Lastra, voceira do PSOE no Congreso: "Sabe vostede que as políticas activas de emprego están transferidas ás comunidades autónomas? Quere vostede conducir un coche sen saber sequera onde está o volante".

Pese ao desacordo, Iglesias dixo que mantiña a man tendida e pediulle ao líder socialista que non leve a España a unhas segundas eleccións.


 

14:05

Pedro Sánchez a Iglesias: "Non houbo problemas de programa. O problema foron os ministerios"

 

 

 

14:09

Pablo Casado a Sánchez: "A súa investidura é xa a historia dun gran fracaso"

 

 

 

14:20

Rivera a Sánchez: " España non merece un presidente como vostede"

 

 

 

14:24

Pablo Iglesias a Sánchez: "Renunciamos ao Ministerio de Traballo se nos ceden as políticas activas de emprego"

 

 

 

 

 

 

 

14:29

Abascal: "Non apoiaremos nunca un Goberno que poña en risco a orde constitucional"

Abascal: "Non apoiaremos nunca un Goberno que poña en risco a orde constitucional"

15:18

Lastra a Iglesias: "É a segunda vez que vai impedir que España teña un goberno de esquerda"

 

 

 

15:52

124 votos a favor, 155 en contra e 67 abstencións

 

 

 

 

 

 

 

16:51

Inés Arrimadas: "Sánchez non pode ser presidente cos nosos votos"

 

 

 

 

 

 

 

16:46

O PSOE elude concretar se Sánchez volverá intentalo en setembro

Noticias web

25/07/2019