Feijóo defende a súa xestión dos servizos sociais fronte as críticas da oposición
Os servizos público e, sobre todo a atención primaria, centraron a sesión de control deste mércores no Parlamento galego. En senllos debates coa portavoz nacional do BNG e co líder do PSdeG, o titular da Xunta defendeu os servizos públicos, especialmente sociais e sanitarios, dende a súa chegada ao poder no 2009 e desdeñou as críticas da oposición.
Ana Pontón reprochoulle os anos de "recortes" e "descapitalización" da sanidade pública, especialmente na atención primaria, que a deixou no "chasis" antes da pandemia. Ademais, censurou as políticas do Goberno galego que, na súa opinión, están encamiñadas a "liquidar" este servizo.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero repasou o informe publicado esta semana das direccións e xerencias dos servizos sociais de España que sitúa a Galicia "á cola". Para corrixir esta sicuación, pediulle constuír "un escudo protector" para combater os últimos doce anos de "enfraquecemento" dos servizos sociais que atribuíu aos gobernos do PP en Galicia.
"Debilitar os servizos públicos"
O secretario xeral do PSdeG criticou que, ante "a crise máis profunda", o PP se dedicou "coa boca pequena a debilitar os servizos públicos" en Galicia e a dar datos "ao chou", o que demostra que a Xunta vive "nunha realidade ficticia".
Ademais, lamentou que o PP queira agora apropiarse da lei de dependencia cando "Mariano Rajoy dixo que era papel mollado e que non se podía cumprir, nin aplicar".
Na súa resposta, Núñez Feijóo asegurou que se alguén dá datos "ao chou" é o líder dos socialistas galegos. Acusouno de "omitir" cifras e "parágrafos" do informe dos servizos sociais estatais nos que Galicia está mellor que a media, ademais de facer "comparacións torticeiras".
"Non só defendemos, senón que blindamos os servizos públicos e o obxectivo é melloralos e amplialos", salientou. Ademais, reprochoulle a Gonzalo Caballero que o Goberno supostamente "máis social sexa o máis insolidario" e siga sen financiar, na porcentaxe que lle corresponde, a lei de dependencia (50 %). Neste sentido, lembrou que Galicia paga o 76 % das prestacións.
Do mesmo xeito, criticou que o deputado socialista pretenda "dar leccións" cando non apoiou as demandas da Xunta ao Goberno central para recibir os 200 millóns de euros do IVE de 2017.
"Deixe de liquidar" a atención primaria
A portavoz nacional do BNG acusou o presidente galego de tentar "darlle a puntilla" á atención primaria, "afogada pola falta de medios e de persoal", e pediulle que "deixe de liquidar" este servizo básico para a cidadanía.
Para a deputada nacionalista, é un "disparate" que haxa listas de agarda de ata dúas semanas en atención primaria e que non se garanta a atención presencial nos centros de saúde. Segundo Ana Pontón, por esta razón moitas persoas acaban en urxencias ou na medicina privada "se o poden permitir".
"Seguramente isto explica o que lle están a facer ao sistema sanitario do país", reprochoulle a Núñez Feijóo, e instoulle a dedicar, polo menos eses 200 millóns de euros do IVE, nun plan de choque para rescatar a atención primaria.
Outras propostas "concretas e realizables" pasan por dotar de persoal, de todas as categorías, os centros de saúde; por constituír xerencia de atención primaria con capacidade de decisión e orzamentaria; por dedicar un 25 % a este servizo nesta lexislatura e por convocar as 6.000 prazas "vacantes" no Sergas.
"Insidia que non podo admitir"
Na súa resposta, o presidente da Xunta lamentou "ter que negar a veracidade das súas afirmacións". Segundo dixo, é "mentira" que o Goberno galego estea "a deteriorar e desmantelando" a sanidade pública, "unha insidia que non podo admitir".
Núñez Feijóo lembrou que antes da pandemia estaba a implementárense un plan de atención primaria, que hai que retomar, e apostou por recuperar a presencialidade nos centros de saúde.
Entre outras propostas, pediu unha convocatoria extraordinaria dos MIR para atención primaria e unha específica para persoal de urxencias, o que ao seu entender evitaría que o persoal médico de familia teña que cubrir este servizo.
"Vostedes levan moitos anos tentando ondear a bandeira dos servizos públicos pero déronnola a nós os galegos", defendeu o presidente da Xunta, e lamentou que Ana Pontón faga "as mesmas críticas" que Carlos Aymerich no 2009. Neste sentido, pediulle ao BNG que "actualice o seu catecismo ideolóxico" porque, nestes momentos, está "máis interesado na independencia e na autodeterminación do país que na sanidade".