Pita dálle a vitoria ao Lugo cinco xornadas despois
Os lucenses volven gañar despois de cinco xornadas
Un novo Lugo púxose en marcha. Con Vieira, Pita e José Carlos nunha defensa de tres. Con Muñiz de titular. E coa nova fichaxe Toni Martínez como referencia en ataque. Entre os dous fabricaron a xogada do primeiro gol nunha acción preparada.
Toni Martínez, C.D. Lugo: "Recalcáballe esta semana que me gusta moito buscar o primeiro pau, el decíame que fora, que me ía buscar, que aínda que non me estivese mirando, íama poñer, e xusto por iso cando marquei fun xunto del e díxenllo porque foi unha xogada que falaramos durante a semana, que a fixemos nos adestramentos".
Dous minutos antes do descanso, o Lugo ampliou a vantaxe nun novo pase de Muñiz resolto de xeito magnífico por Lazo. Un gol que reflectía a superioridade branca e vermella no primeiro tempo.
Lazo. C.D. Lugo, "Co dous a cero pensamos que a cousa ía estar feita, pero o dous a cero sempre é mentira, cando nos meten un gol hai que seguir, hai que seguir".
Todo mudou tras o descanso con este cobadazo de Aitor Ruibal que meteu ao Raio Majadahonda no partido.
O gol deulle pulos aos madrileños e desconcertou os lucenses que viron perder a súa vantaxe no minuto setenta nun remate da súa nova incorporación, o dianteiro Manu del Moral.
Alberto J. Monteagudo, adestrador do C.D. Lugo: "Eles si que meteron un matiz, pasaron a xogar con defensa de catro, os dous extremos foron aos extremos, o comportamento noso debía ser unha liña de cinco e non de tres para non sufrir pero non o entendemos ben e custounos axustarnos".
O gol final de Carlos Pita devolvía o equipo ao camiño do triunfo logo de cinco xornadas. O novo Lugo recorría ao vello Lugo.