CRTVG

Buscar

Piden unha antena de telefonía en varias aldeas da Merca

Publicado o 11/02/2019 13:40

De tres a cinco quilómetros teñen que percorrer os veciños de Sabucedo e Pereira de Montes, no concello ourensán da Merca, para falar polo móbil ou conectárense a Internet. Reuniron máis de duascentas sinaturas en demanda dunha antena de telefonía, pero non acaba de materializarse.

En Pereira de Montes tanto ten qué compañía de telefonía móbil se contrate. Ningunha garante cobertura. E o mesmo ocorre na aldea veciña de Sabucedo de Montes. Uns e outros teñen que desprazárense ata A Manchica, entre 3 e 5 quilómetros dependendo do punto de partida, para conectárense a Internet.

Segundo nos contan, levan ao redor de 4 anos nesta situación. Reuniron máis de duascentas sinaturas, que presentaron no Concello da Merca, e mesmo ofreceron terreos para instalar unha antena, despois de que a primeira opción fose rexeitada polos veciños doutra aldea que non querían a antena preto das súas casas. Entre unha cousa e outra, o problema segue sen solucionar.

Din que é un servizo imprescindible para poder vivir no rural e pídenlle ao Concello unha solución.

Noticias web

11/02/2019