CRTVG

Buscar

Piden trece anos para un home acusado de violar unha menor en Noia

Publicado o 16/05/2019 14:33

A Fiscalía acusa este mozo de agredir sexualmente unha curmá segunda súa, menor de idade, durante as festas de Noia, en agosto de 2017. Segundo o seu escrito, nun momento determinado, o investigado pediulle á rapaza falar con ela en privado. Entón, colleuna en brazos e levouna a unha zona escura. Alí comezou a bicala e a realizarlle tocamentos malia a súa oposición. Despois, engade, xirouna de xeito violento, púxoa contra a parede e agrediuna sexualmente.

Na vista oral só contestou as preguntas do seu avogado e da acusación pública. Declarou que esa noite estivera consumindo alcol, que non lembraba nada, e que foi unha amiga da suposta vítima a que lle dixo o que presuntamente fixera.

O fiscal pregúntalle: "Por que lle dixo "prefiro morrer a vivir así, que nin eu sabía o que facía. Eu quería a súa amiga, non a ela. Por que dixo isto?" Ao que o acusado responde: "Non o sei. Non lle podo dicir".

O fiscal pregunta: "Por que lle dixo vostede que non llo contase a ninguén, que non o volvería a facer...?"

O acusado responde: "Porque me arrepentía realmente do que me estaba contando".

A vítima aínda é menor de idade, polo que declarou a porta pechada.

A Fiscalía pide para el trece anos e medio de cadea e o pagamento de 30.000 euros. A acusación particular eleva a pena aos catorce anos e medio de prisión, ao entender que hai que aplicar a agravante de parentesco. Pola súa banda, a defensa pide a libre absolución.

Noticias web

16/05/2019