CRTVG

Buscar

Piden suprimir toda interacción social en Cuntis desde as seis da tarde

Publicado o 18/01/2021 14:39

Ao longo da mañá foron convocados os 191 veciños dos lugares de Portela, Loureiro de Arriba e Abaixo e Novás para a realización dun cribado masivo que permita detectar todos os casos de coronavirus nesta parroquia de Cuntis, un dos concellos sometidos ás máximas restricións.

O gromo é de tal magnitude que a incidencia acumulada da enfermidade disparouse ata os 730 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e levou o alcalde a emitir un bando en que insta a poboación a evitar toda interacción social a partir das seis da tarde.

Os que acudían a primeira hora facer a PCR tíñano claro: "Iso é o que facemos, só traballar e estar na casa", comentaba unha veciña. "Eu levo desde marzo metida na casa, así que éme igual un pouco máis", dicía outra. "Aquí aínda que saiamos dar un paseo ao lado da casa non atopamos a ninguén, non ten risco", comentaba outra habitante desta zona rural.

Arredor da metade destes 200 veciños xa están confinados, porque ou teñen a enfermidade ou son contacto estreito de alguén contaxiado. Por iso, a realización do cribado de hoxe servirá para coñecer o número exacto de contaxios, e axudará a atallar a transmisión.

Albero Blanco é o coordinador dos dous equipos de enfermaría desprazados ao lugar de Portela, onde se instalou unha carpa. Explica que se "tentou abarcar o máximo de poboación posible, realízanse os cribados para detectar o máximo número de casos e que non se propague, e a verdade é que tiñamos bastantes citados a primeira hora, minuto a minuto e hai unha grande afluencia".

Os dous equipos de enfermaría da área sanitaria traballaron a bo ritmo toda a mañá, cunha resposta moi alta da poboación, concienciada co problema. Coinciden en que é unha boa maneira de detectar asintomáticos "e que non vaian contaxiado por aí", segundo reflexionaba un condutor á espera de realizar a PCR. Outra veciña explicaba que acudía facer a proba "sobre todo, polos nenos, que van ao colexio no autobús", e outra engadía que "se hai moitos casos, polo menos é bo saber quen son".

Nas últimas 24 horas detectáronse neste concello, de algo máis de 4.500 habitantes, cinco novos casos de covid-19.

Noticias web

18/01/2021