CRTVG

Buscar

Piden seis anos por tentativa de homicio para un home que mallou noutro en Ourense

Publicado o 28/11/2018 12:48

A Fiscalía de Ourense pide seis anos de cárcere e 120.000 euros de indemnización para un home que está acusado dun homicidio en grao de tentativa por darlle unha malleira brutal a outro home. Supostamente, comezou a mallar nel despois de que insultara a súa moza. Sufriu graves lesións e danos nas súas funcións cerebrais. O xuízo comezou hoxe na Audiencia de Ourense.

Primeiro día de xuízo na Audiencia provincial de Ourense contra este home que está acusado dun homicidio en grao de tentativa por, supostamente, darlle unha malleira brutal a outro home. Os feitos ocorreron en outubro de 2015, ao parecer a vítima insultara a parella do acusado nun bar. Segundo declarou ante o xuíz, despois ela a unhas amigas marcharon e a vítima colleu o coche e foi detrás delas. Asegurou que subiu no coche para evitar que o denunciante manobrara para atropelalas, que as insultou de novo, e que foi nese momento cando comenzou a golpealo. O acusado recoñeceu que mallara nel pero que só foran dous golpes e que en ningún momento tiña intención de matalo.

A vítima sufrira graves lesións, estivera dous meses ingresado no hospital e segundo o relato da fiscalía diagnosticóuselle unha deterioración das súas funcions cerebrais. No xuízo a vítima asegurou que o quería matar e que lle deu fortes golpes na cabeza, pero que despois saíu do coche e que caeu contra unha beirarrúa. A defensa pide a libre absolución, e a fiscalía e a acusación particular piden 6 anos de cárcere e ademais unha indemnización de máis de 55.000 euros para a vítima e máis de 65.000 para o Sergas, polos gastos médicos. A vista continuará mañá na Audiencia provincial de Ourense.

Noticias web

28/11/2018