Piden que se declare a morte de María Xosé Arcos, 22 anos despois da súa desaparición
Desde que o seu coche aparecera abandonado onda o faro de Corrubedo en agosto do ano 1996, a familia de María Xosé Arcos mantivo a súa condición de ausente, para non ter que recoñecer oficialmente a súa morte. Pero a situación complicouse ata o imposible como consecuencia do falecemento da nai.
"Unha declaración de herdeiros, repartimento de bens... todo iso é irresoluble se non facemos a declaración de falecemento de María Xosé porque xuridicamente non nos deron máis saída", explica Rosa Arcos, irmá de María Xosé.
Aseguran que foi un dos momentos máis duros aos que tiveron que enfrontarse en todo este tempo.
"Porque entendiamos que mantela con vida era unha das poucas loitas ás que nos podiamos aferrar. Temos a sensación de que é unha labazada gratuíta que non beneficia a nada e causa unha dor terrible á familia".
Tras 22 anos, e malia as evidencias de que non foi unha desaparición voluntaria, a investigación está en punto morto. O único detido en relación con este caso, en abril de 2011, quedou en liberdade por falta de probas e o xulgado decretou o arquivamento provisional da causa.
"As esperanzas son poucas porque é como todo: se non se traballa, se non hai ninguén preocupándose de que se resolva, o único que nos queda é o azar".
Aseguran, iso si, que seguirán loitando malia as numerosas dificultades.