Piden medidas contra a ocupación dos postos da praza de abastos de Ourense
Catro axentes da Policía Nacional acudiron á praza de abastos de Ourense para informar o grupo de ocupantes ilegais instalados nos postos pechados que teñen que abandonar xa os locais ocupados. Os vendedores e comerciantes din que hai meses que detectaron a presenza de varias persoas e aseguran que o problema de inseguridade vai a máis.
Aseguran que os incidentes son continuos: pelexas, roubos, portas forzadas e mesmo prenderon lume nun dos locais. Comerciantes e compradores din que o abandono e a deterioración da zona deixan unha mala imaxe do mercado e da cidade de Ourense.
Desde a asociación de comerciantes da praza de abastos piden medidas para evitar que sigan entrando persoas.
Por agora, os ocupantes ilegais non marcharon. Os vendedores culpan desta situación o atraso nas obras neste edificio, ben de interese cultural, que deberon comezar hai 16 meses.