Piden de 8 a 21 anos de prisión para o acusado de agredir a súa exmuller cun machete
De oito a 21 anos de prisión piden Fiscalía e acusación particular para un home acusado de agredir a súa ex-muller cun machete ao tempo que a ameazaba con cortarlle as orellas. Os feitos ocorreron en 2018 na fábrica en que ambos traballaban, no concello ourensán de Piñor. O acusado, que atribúe as lesións a un forcexo, leva desde entón en prisión preventiva.
Un machete de 33 centímetros foi a arma que lle causou as lesións á vítima. Segundo declarou no xuízo, a súa ex-parella, coa que estaba en trámites de divorcio, avalanzouse contra ela co machete coa intención de lle cortar as orellas.
"Eu cubrinme para que non me tocase nin na cara nin nas orellas. Por iso me fixo un corte na cara", declara a vítima.
A muller tivo que ser evacuada en helicóptero. Segundo declararon os axentes da Garda Civil, o chan estaba cheo de sangue. Estivo nove días ingresada, cun corte profundo nun brazo e outro na cara. Pensa que morrería se non aparecese nese momento unha compañeira do traballo.
"Se non entrara Pepi, mataríaa?", pregunta a avogada da acusación particular. "Si, porque non me deixaba", contesta a vítima.
O acusado, que recoñeceu que afiara o machete momentos antes, asegura que foi ela a que intentou agredilo e atribúe as lesións a un forcexo: "Botóuseme enriba co machete e eu tratei de empuxala un pouco para que non me mancase".
O seu avogado pide a libre absolución.
Carlos Varela Estévez, avogado da defensa: "El di que foi un lance fortuíto entre os dous. Efectivamente, había un coitelo no medio e producíronse lesións que non se negan, o que se nega é como se produciu ese resultado lesivo".
A fiscala pide cinco anos de prisión por lesións con arma e tres por malos tratos habituais. A avogada da vítima eleva a pena solicitada ata 21 anos e medio por considerar que foi un intento de homicidio.