CRTVG

Buscar

Piden colaboración para atopar a mochila do seu fillo cunha colección de cromos

Publicado o 06/10/2021 14:25

Hai seis días que Alejandro, un pequeno da Coruña de 7 anos, esqueceu a súa mochila na praza de María Pita, onde acode cada día a xogar cos seus amigos. Nela levaba sempre a súa colección de cartas de Pokémon, entre 1.500 e 2.000, que comezou cando tiña tres anos e medio.

"Un drama moi grande porque el tíñaa como ouro en pano", di Eduardo Pereira, o pai do neno que perdeu a mochila.

Así que seus pais, ao velo tan desgustado e observar que apenas comía, fixeron todo o que estaba nas súas mans para tratar de recuperar o pequeno tesouro do seu fillo.

"O primeiro que fixemos foi chamar ao Concello, ir a obxectos perdidos e preguntar polas zonas onde estiveramos. E despois colgamos os carteis...", engade Eduardo Pereira, o pai do neno que perdeu a mochila.

Pero nada que ver co que chegaría despois, en canto publicaron a súa historia nunha rede social.

"A xente comezou a compartila e creouse unha... Incluso facendo colectas para mercar outra colección. Non era o que queriamos..., pero é de agradecer que a xente teña tan boa intención", explica Eduardo Pereira.

Alejandro e os seus pais saben que non é doado, pero din que a esperanza é o último que se perde.

Noticias web

06/10/2021