CRTVG

Buscar

Piden accións de control ante a proliferación de ataques do lobo en Vimianzo

Publicado o 09/06/2020 12:36

"Díxenlle ao compañeiro: vai alá enriba buscar eses dous cans e eu vou polo que está no medio da maleza. Viña polo can, que, segundo o localizador, estaba a cen metros, pero non se movía. Pensei, que cousa máis rara. Seguín andando. A cincuenta metros e oía algo andando pola maleza. Chamei polo can, pero non respondía nin se movía. Oía andar pola maleza e, cando cheguei aquí, xa vin o can morto".

Iván conta como o seu can Torgo caeu este domingo presa dos lobos mentres facían unha batida de dispersión do xabaril no monte de Vimianzo. Foi de día e con dous lobos, polo menos.

Segundo Iván Costa, o dono do can vítima do lobo: "Cando cheguei oía andar por entre a maleza por dous puntos diferentes. Un cara a ese lado e outro ía cara a abaixo. Foi cuestión de dez minutos, chegar aquí e o can estaba medio comido".

Unha fotografía amosa un dos moitos lobos que, segundo din, viven nos momntes de Vimianzo e se están achegando a zonas habitadas na procura de alimento. Entre os últimos ataques falan do da semana pasada a un becerro en Vilaseco e aos poldros da asociación Monte Faro. Conclúen que o problema require a adopción de medidas sen demora.

Ricardo Carballo Lema, presidente do TECOR San Vicente: "Hai moitos danos. Este ataque foi a escasos cincocentos metros das casas. Estanos vendo sempre. Se non é desde este lugar, é outro durante o día. Algunha solución haberá que buscarlle".

O veterinario Samuel Fernández, dono de Adrisa, con actividade en Cee e Vimianzo, ponlles cifra aos estragos do lobo só no censo de cans: "Pode haber entre 20 e 30 baixas anuais de cans na miña clínica. Depende tamén un pouco do ano. Agora, nestes últimos meses parece que está a haber máis incidencias deste tipo".

Afirman que están pola supervivencia do lobo pero é necesaria a acción de control e proporcionarlle alimento para evitar tantos estragos.

Noticias web

09/06/2020