Piden a máxima pena para o home que degolou a muller na rúa da Estrela da Coruña
Rematou na Audiencia Provincial da Coruña o xuízo polo crime na rúa da Estrela. Para a Fiscalía non hai dúbida. A forma de matar que tivo Ramón Saiz foi cruel e incompatible co amor.
A causa, dixo, por degolamento cun coitelo xaponés de 18 centímetros de gume. Dirixíndose aos membros do xurado popular, explicou que a vítima estaba durmida e inconsciente e que o acusado foi quen tomou a decisión final.
Cualifica os feitos como un asasinato con aleivosía e coas agravantes de xénero e parentesco.
Para a acusación particular, tamén houbo asañamento xa que, segundo explicou na sala, o investigado aumentou de forma deshumana a dor e o sufrimento dunha vítima vulnerable.
"A sociedade debe condenalo coa máxima pena que é a prisión permanente revisable que leva uns períodos de seguridade", di Jorge Vila, o avogado da acusación particular.
"Non nos conformamos nin con asasinato. Esta persoa non pode saír á rúa porque desde que saia, vaino volver facer. E amais véselle que parece que está no cine", di Jonathan del Corral, fillo da vítima.
Para a acusación popular, o investigado executou un plan macabro e engadiu que para el a vida da súa muller non tiña ningún valor. Amais, dixo, danou, dominou e desprezou a saúde mental da súa parella.
Pola súa banda, a defensa mantén que se trata dunha cooperación executiva da morte dunha persoa que quería poñerlles fin aos seus días.
"Esperamos poder transmitirlle ao xurado a súa intencionalidade e vontade e explicarlles o que pasou que foi isto e non outra cousa", manifesta José Ramón Sierra, o avogado da defensa.
Está previsto que o xurado popular comece a deliberar esta tarde ata obter un veredicto obxectivo e imparcial.