CRTVG

Buscar

Piden 24 anos para un veciño de Lugo por violar e agredir a súa ex-parella

Publicado o 06/03/2019 18:31

Vinte e catro anos de cadea solicita a Fiscalía de Lugo para un home acusado de violar dúas veces a súa ex-parella e de golpeala en reiteradas ocasións despois de que finalizara a relación entre ambos. O individuo tamén agrediu, presuntamente, unha compañeira da vítima que acudiu socorrela durante unha das malleiras. A defensa pide a libre absolución por considerar que non hai probas suficientes. A acusación particular retirouse do caso.

Este veciño de Lugo está acusado de violar a súa ex-parella e de golpeala en reiteradas ocasións despois de que a relación entre ambos finalizara. A Fiscalía acúsao tamén de invadir o domicilio da vítima para propinarlle continuas malleiras, así como de agredila no seu centro de traballo. Por todo iso, solicita unha condena de 24 anos de cadea. Os presuntos feitos producíronse entre os anos 2013 e 2014.

A Fiscalía considera probado que o acusado se introduciu na vivenda da vítima en dúas ocasións, causando danos no inmoble e chegando a violala. Tamén que se presentou na residencia de maiores que rexentaba a muller e que a golpeou a ela e a unha compañeira de traballo, precisando as dúas asistencia médica. A vítima declarou que o acusado a ameazaba continuamente con causarlles danos a ela e á súa familia e que lle roubou o teléfono móbil en varias ocasións. Ademais, dixo que como consecuencia dos feitos xa non pode exercer o seu traballo de enfermeira para prestar atención a vítimas de violencia machista.

Pola súa banda, a defensa alegou que non hai probas suficientes de que se producisen as violacións nin ningunha outra das agresións denunciadas e solicita a libre absolución. O acusado di que todo se debeu ao feito de que el puxera fin á relación e dixo que mesmo evitou que a muller se suicidase. A acusación particular retirouse antes do xuízo, despois de que o acusado pagara os 13.000 euros que se lle pedían como indemnización e por estar de acordo coa petición de condena da Fiscalía. O xuízo quedou visto para sentenza.

Noticias web

06/03/2019