CRTVG

Buscar

Piden 14 anos de cadea para un home que incendiou o rocho en que vivía seu irmán

Publicado o 10/09/2021 14:25

No xuízo celebrado na sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, o acusado de provocar un incendio no rocho en que vivía seu irmán manifestou que as desavinzas entre ambos eran as normais no seo dunha familia. Recoñeceu que o día previo ao incendio tiveran unha liorta e o botaran da casa en que convive con súa nai. Tamén que baixara o día do incendio ao rocho en que o seu irmán vivía ata en dúas ocasións. Primeiro para retirar un colchón e varios mobles do interior coa intención de tiralos. A acción foi truncada pola intervención da Policía Local, que viu como os levaba e o obrigou a devolvelos ao rocho.

Foi nese momento da declaración cando o acusado achegou unha información que non dixera en todo o proceso. Asegurou que o incendio se iniciou a segunda vez que baixou ao rocho, no colchón, mentres consumía cocaína, e tras sufocalo con dous extintores pensou que quedara apagado e acudiu á Policía Local a contar o acontecido. Asegura que foi totalmente accidental e que non tivo nada que ver coa liorta co seu irmán, do que tamén tiña unha orde de afastamento desde novembro de 2018.

As contradicións co declarado no proceso de instrución marcaron as respostas durante o xuízo do irmán do acusado, que declarou como testemuña. Asegurou non vivir no rocho, restoulles importancia ás liortas habituais entre ambos e dixo que seu irmán nunca provocaría o incendio voluntariamente. Os axentes da Policía Local da Pobra confirmaron as constantes liortas entre os irmáns e ratificaron que o home asegurara que vivía no rocho e que sospeitaba que o agora acusado lle prendera lume. O fiscal solicita para o acusado 14 anos de cadea por un delito de incendio e outros oito meses por quebrantamento da orde de afastamento.





 

Noticias web

10/09/2021