CRTVG

Buscar

Pide probar un Mercedes nun concesionario holandés e chega a Sanxenxo

Publicado o 28/08/2019 13:07
Pide probar un Mercedes nun concesionario holandés e chega a Sanxenxo

Un veciño de Sanxenxo foi sorprendido pola Garda Civil conducindo un Mercedes co que escapou dun concesionario holandés tras pedir que lle deixasen probalo e ao que, unha vez en Galicia, lle colocou as matrículas que roubou doutro vehículo da mesma marca.

Segundo informou este mércores a Garda Civil, os feitos ocorreron a pasada fin de semana, cando unha patrulla de seguridade cidadá de Sanxenxo se cruzou cun Mercedes conducido por un veciño da localidade coñecido polos axentes polo seu amplo historial delituoso.

Inmediatamente, os axentes cotexaron a titularidade do vehículo e comprobaron que as placas de matrícula correspondían a outro da mesma marca, pero distinto modelo, propiedade dun veciño de Noalla.

Os axentes localizaron onte o Mercedes, que o presunto ladrón tiña estacionado diante do seu domicilio en Portonovo. Segundo as investigacións da Garda Civil, o presunto ladrón ten dobre nacionalidade, española e dos Países Baixos, e a principios de mes estivo nun concesionario de vehículos usados en Holanda, onde se interesou pola compra dun Mercedes que pediu probar para coller directamente cara a Galicia.

Ao chegar a Sanxenxo, para tratar de pasar máis desapercibido, cambioulle as placas de matrícula por outras españolas que se corresponden con outro turismo Mercedes pero de distinto modelo, propiedade dun veciño de Noalla.

O detido conta cun amplo historial delituoso composto no seu maior parte por estafas en hoteis e restaurantes, "simpas", segundo os describe a Garda Civil. Nesta ocasión foi detido como presunto autor dun delito de furto e outro de falsidade documental e posto á disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Cambados, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.

O vehículo quedou depositado nas dependencias do cuartel da Garda Civil de Sanxenxo, pendente de resolución xudicial para ser recollido polo seu propietario.

Así o contamos no Telexornal Serán