Pícanlle 18 rodas en tres dos seus camións a un transportista de Lugo
Con esta desalentadora imaxe espertou un transportista de Lugo. Picáranlle as rodas de tres dos seus camións que estaban estacionados na terminal de mercadorías de Lugo. 18 rodas que tivo que cambiar, así como 16 cilindros de suspensión dos vehículos. Todo quedou rexistrado nas cámaras de seguridade. Nas imaxes vense tres persoas realizando o ataque. Un dos camións estaba cargado, os outros baleiros.
O transportista di que sente impotencia, xa que é a segunda sabotaxe que sofre nunha semana. A primeira vez picáronlle 25 rodas, os camións estaban aparcados nunha central leiteira para a que traballa. A policía sospeita que son intencionados, xa que na estación de carga había outros vehículos que non sufriron danos.
Este transportista é dos que se mantivo activo durante o estado de alarma, xa que se dedica ao transporte de alimentos dentro da comunidade. A situación límite que viven outras empresas que viron paralizada a súa actividade cre que pode estar detrás destes ataques. Calcula que as perdas superan os 37.000 euros.