CRTVG

Buscar

PharmaMar gaña un 65 % menos no primeiro trimestre do ano

Publicado o 05/05/2021 11:23
PharmaMar gaña un 65 % menos no primeiro trimestre do ano

O grupo PharmaMar gañou 24 millóns de euros no primeiro trimestre do ano, un 65 % menos que un ano antes. Segundo informa a farmacéutica de orixe galega, débese sobre todo ao descenso do 42 % nos ingresos por acordos de licenza, que baixan ata os 8,1 millóns.

No primeiro trimestre de 2020, ingresou por ese concepto 73,9 millóns grazas ao pago inicial do acordo asinado con Jazz Pharmaceuticals para comercializar en exclusiva nos Estados Unidos Zepzelca (lurbinectedina), un antitumoral para o cancro de pulmón microcítico.

A isto súmase unha redución do 36 % na venda de produtos de diagnose, a través da súa participada Xenómica, logo da caída da demanda e a baixada de prezos dos test para detectaren a covid-19. As administracións sanitarias tiñan feito provisión en trimestres anteriores e a venda de probas para outras patoloxías aínda non volveron á normalidade, porque a actividade hospitalaria segue a ser menor.

O total de ingresos do grupo diminuíu o 48 % (ata os 51,3 millóns), malia aumentar as vendas do conxunto dos seus produtos un 39 % (ata os 34,4 millóns) grazas, sobre todo, á área de oncoloxía que medrou un 45 %.

Entre os seus produtos, as vendas de Yondelis (trabectedina) en Europa sumaron 18,9 millóns, un 3 % máis, e as de lurbinectedina en Europa pasaron de 2,2 millóns, no primeiro trimestre de 2020, aos 8,4 millóns no último trimestre computado.

Xunto ás vendas de produtos, tamén se dispararon os ingresos por dereitos de produtos (royalties) que pasaron de 0,7 a 8,7 millóns grazas, segundo explica PharmaMar, aos achegados polo seu socio estadounidense Jazz Pharmaceuticals.

O investimento do grupo en I+D incrementouse un 19,6 %, ata os 14,7 millóns, cunha caixa total neta de 180 millóns ao 31 de marzo (un 10 % máis que un ano antes) e unha débeda de 50 millóns (un 2,6 % menos).