CRTVG

Buscar

Pesimismo e incerteza entre os comerciantes de Santiago ante o novo peche perimetral

Publicado o 17/12/2020 10:50

Os comerciantes de Santiago afrontan con pesimismo e incerteza o novo peche perimetral da capital, galega desta vez, ademais, illada dos concellos limítrofes de Ames ou Teo.

O presidente da Asociación de comerciantes, José Antonio Seijas, explica que xa no anterior peche quedaron sen clientela do Barbanza ou do Deza que adoita facer as compras en Compostela. O novo endurecemento das restricións "veunos dar unha estocada letal", lamenta, porque desta volta "nin siquera poden vir do Milladoiro ou de Bertamiráns".

Seijas asegura que "tiñamos moitas esperanzas postas na campaña de Nadal", e por iso, di, "en escaparates e mercadoría gastamos os cartos procedentes das axudas do Goberno e dos préstamos ICO". Pero a cidade queda pechada ás portas da semana de Nadal, cando moita xente fai as compras de agasallos.

Seijas pensa que "se se puidese abrir antes de Reis e aproveitar a campaña de rebaixas sería bo, pero cunha apertura grande e que a xente puidese circular e vir".

O futuro a medio prazo tampouco lles ofrece, tanto ao comercio como á hostalaría compostelá, moi boas expectativas.

"Tiñamos a ollada posta no Ano Santo, e agora sabemos que a Porta Santa abrirá, pero o que non sabemos e canta xente a vai cruzar, nin se imos botar todo o ano sen poder ter esa alegría económica que todos pensabamos que iamos ter grazas ao fluxo de xente de todas partes do mundo".

 

Noticias web

17/12/2020