CRTVG

Buscar

Consternación en Fene pola morte de dous irmáns que caeron ao mar

Publicado o 01/04/2019 19:06

Conmoción en Fene pola morte de dous veciños e irmáns que estaban pescando na zona de cabo Prioriño desde unhas rochas. Sospéitase que un deles caeu ao mar e que o outro se botou á auga para intentar socorrelo. Á espera de coñecer o resultado das autopsias, a Garda Civil de Ferrol segue coa investigación.

O suceso provocou unha gran conmoción no concello coruñés de Fene, de onde eran veciños as vítimas. Un deles, de 61 anos, da rúa Marqués de Figueroa. O outro, de 57, de Mundín. 

Os dous irmáns decidiron achegarse onte á mañá á zona de cabo Prioriño, nas proximidades do porto exterior de Ferrol, para practicar pesca desde as rochas. Barállase a hipótese de que un deles caese ao mar e o outro se botase á auga para intentar socorrelo. Un pesqueiro que pasaba pola zona localizou os corpos aboiando. 

Á espera de coñecer os resultados das autopsias, a Policía Xudicial da Garda Civil de Ferrol segue coa investigación. 

Os corpos foron velados nun tanatorio de Ferrol situado no polígono da Gándara e partiron ás 17,00 horas cara ao cemiterio municipal de Fene, onde recibiron sepultura.

Noticias web

01/04/2019