CRTVG

Buscar

Pesar en Pedrafita do Cebreiro pola morte dun veciño nun accidente co seu tractor

Publicado o 30/03/2021 13:53

Un home de 61 anos morreu en Pedrafita do Cebreiro nun accidente co seu tractor. Por causas que se descoñecen, o vehículo agrícola envorcou e esmagou o condutor, veciño da parroquia de Barxamaior. Cando a muller da vítima o atopou atrapado, deu aviso aos servizos de emerxencias, pero os sanitarios xa non puideron salvarlle a vida.

"Tíñaa preparada alí. Din que había un montón de terra por riba, e ao pasar a roda envorcou o tractor enriba del. Así lle foi". "Comentábase que deu volta o tractor. Formou un montón de terra, pasou por riba a roda, envorcou o tractor e pillouno por baixo", sinalan os veciños do lugar.

O falecido, que se dedicaba ao transporte, era unha persoa moi coñecida e apreciada en Barxamaior e en Pedrafita, polo que o suceso causou un gran pesar en todo este concello.

O tractor accidentado era dun modelo coñecido como 'pascualín', de tamaño pequeno e sen cabina de protección para o condutor.

Noticias web

30/03/2021