CRTVG

Buscar

Perseguen ata Vigo un home que, supostamente, roubara nunha cafetería do Porriño

Publicado o 05/03/2020 14:26

Todo comezou nunha cafetería do Porriño. Foi asaltada por un individuo que accedeu ao interior rompendo o cristal dunha ventá. Forzou a máquina comercartos e fuxiu co diñeiro que había almacenado.

Dáse a circunstancia de que o presunto autor do asalto é un veciño de Vigo con numerosos antecedentes policiais que xa roubara neste mesmo local co mesmo modus operandi. As imaxes das cámaras de seguridade permitiron recoñecelo de inmediato.

A Garda Civil alertou a Policía Local de Vigo, que activou un dispositivo para tentar interceptalo na zona onde reside, en San Paio. O delincuente decatouse da presenza dos axentes e tentou fuxir facendo caso omiso dos seus sinais acústicos e luminosos.

Na fuxida conduciu en dirección contaria e saltou un stop, poñendo en perigo un condutor e un peón que evitou ser atropelado. Cando se viu acurralado, non dubidou en arremeter contra os coches patrulla da policía, que finalmente o detiveron nun vial sen saída e lle arrebataron as chaves do coche.

O home, que levaba gran cantidade de moedas enriba, quedou detido como presunto autor dun roubo con forza e por delitos contra a seguridade viaria e atentado contra axentes da autoridade. Segundo fontes policiais, nas últimas horas ingresou en prisión.

Noticias web

05/03/2020