CRTVG

Buscar

Persegue un condutor ebrio, que ía en sentido contrario e chocou contra o seu coche

Publicado o 02/03/2020 12:49
Persegue un condutor ebrio, que ía en sentido contrario e chocou contra o seu coche

Un condutor ebrio que, tras circular en sentido contrario por unha rúa da cidade de Lugo, chocar frontalmente contra outro vehículo e arrastralo varios metros, foi detido pola Policía Local grazas a que a condutora do outro coche chamou ao 092 e perseguiuno cando tratou de fuxir por outra rúa, ata que acabou encaixándose con outros automóbiles e escapou do lugar do accidente a pé.

Axentes do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local localizárono no seu domicilio no barrio das Fontiñas, onde foi sometido ao correspondente control de alcoholemia e deu unha taxa case catro veces superior á permitida pola lei, con 0,86 miligramos de alcol por litro de aire expirado.

Os feitos sucederon o pasado 29 de febreiro, sobre as 5:30 horas, cando un vehículo que circulaba en dirección contraria desde a rúa Mariña Española cara a San Roque chocou frontalmente contra outro coche e arrastrou varios metros ese vehículo para logo fuxir.

A condutora do outro vehículo alertou o 092 do que sucedera e comezou a seguir o coche que guiaba o condutor ebrio, que non chegou demasiado lonxe, dado que chocou con outro automóbil cando circulaba por San Roque, á altura da confluencia coa rúa Jacinto Calvo.

Entón, tratou de fuxir pola Rampla de Claudio López, Rei don García e Rof Codina, ata que o seu coche quedou encaixado entre outros dous vehículos estacionados e dous edificios.

Alí deixou o seu vehículo e marchouse a pé, aínda que quedou á beira do coche a persoa que viaxaba como acompañante.

Despois de localizalo no seu domicilio, foi trasladado á Xefatura da Policía Local, onde os axentes instruíron dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.

A condutora que chamou ao 092, cuxa "valentía" foi destacada pola Policía Local, tivo que ser trasladada ao HULA por mor das dores que lle provocou a colisión frontal.