CRTVG

Buscar

As xuntanzas no ámbito privado non terán límite de participantes a partir do sábado

Publicado o 09/06/2021 15:20

As xuntanzas entre persoas non conviventes, dentro e fóra dos domicilios, quedarán permitidas a calquera hora e sen límite a partir do vindeiro sábado 12 de xuño ás 00:00 horas. Tamén nese momento entrará en vigor a ampliación do horario dos bares, que poderán pechar á unha da madrugada, pero coa condición de que teñan medidores de CO2.

Ademais, nas terrazas exteriores dos establecementos permítese a reunión de ata 15 persoas, malia que no interior se mantén o máximo de seis por grupo.

Do mesmo xeito, hai novidades respecto ás actividades ao aire libre dirixidas a público infantil e xuvenil. A Xunta estableceu unha capacidade máxima do 75 %, cun límite máximo de 50 ou 125 participantes en función de se é en interior ou exterior, e os grupos burbulla pasan de catro integrantes a dez.

Os campamentos e albergues xuvenís poderán alcanzar un 70 % da súa capacidade máxima, coas tendas de campaña a un 50 %.

Albergues de peregrinaxe

Os albergues de peregrinaxe continúan ao 30 % pero incorporan unha excepción. Aqueles grupos acreditados como "burbulla" poderán compartir cuarto e superar ese límite. Iso si, deberán asinar por escrito unha "declaración responsable".

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo anunciou as medidas acordadas na última xuntanza do comité clínico e o novo mapa de restricións. O vindeiro sábado, ningún concello vai quedar nos niveis máximo e alto, e daquela xa non haberá peche perimetral en todo o territorio.

Ocio nocturno

Canto ao ocio nocturno, Feijóo confirmou que esta fin de semana se van desenvolver probas piloto en seis locais. Segundo dixo, os resultados determinarán as decisións sobre a futura reapertura. 

En todo caso, o presidente da Xunta adiantou que o ocio nocturno vai abrir, dun xeito ou doutro, a partir do 1 de xullo. "Aínda quedan algunhas semanas para traballar con exactitude no protocolo final", agregou.

Revisión da normativa

Antes, a Xunta vai revisar o regulamento de todas as actividades afectadas pola covid−19 (hostalería, cultura, deporte ou mesmo parques acuáticos). O obxectivo, segundo Feijóo, é contar cun documento integral "completo e homoxéneo" que actualice todas as normativas sobre limitacións.

O comité clínico xa está a traballar neste texto xunto coa Dirección Xeral de Saúde Pública, e por tanto agarda a súa entrada en vigor o sábado 19 de xuño ou unha semana máis tarde, o día 26, e elaborará unha proposta para a eliminación da máscara en exteriores.

Aínda que Núñez Feijóo deixou claro que isto último é unha competencia do Goberno central, cre que Galicia, como comunidade autónoma con máis poboación vacinada entre os maiores de 50 anos, "debe ter peso na decisión". Por esa razón, elaborará unha proposta de "supostos e lugares" en que se pode eliminar a obriga de uso de máscara.