CRTVG

Buscar

Permanece atrincheirado un home cunha escopeta na súa casa en Vilagarcía de Arousa

Publicado o 18/05/2020 12:47

Un veciño de Vilagarcia de 44 anos atrincheirouse onte pola noite cunha escopeta na vivenda que comparte cos seus pais. Ao lugar desprazáronse efectivos do GOES da Policía Nacional desde A Coruña para tratar de reducilo e controlar a situación. 

Unha discusión familiar parece ser o desencadeante desta situación de forza, protagonizada por este home con varios episodios violentos ou conflitivos na súa traxectoria, como agresión ao seu pai. Recentemente saíu de prisión tras unha condena de varios anos.

Ao parecer tras a bronca de onte cos seus pais, que viven debaixo, e ante a posibilidade de que o detiveran, pechouse na planta alta da casa, supostamente armado cunha escopeta. Dúas patrullas, con mediador incluído, da Policía Nacional seguiron ao pé da casa permanentemente e efectivos do grupo de operacións especiais a noite pasada interveñen nesta acción iniciada contra as nove da noite de onte.

Contra o mediodía, e despois dun encontro co seu avogado, semellaba que o home ía ceder e  entregarse, pero acabou volvendo a unha ventá lateral desde a que dialogaba coa policía.

Ademais do movemento de policías, a presenza de numerosos medios xornalísticos seguindo o caso tamén alterou a vida cotiá dos veciños de Outeiro de Cea, moi preto de Vilagarcía.