CRTVG

Buscar

Perlita, a vaca que bate marcas: ata case cen litros de leite ao día

Publicado o 26/07/2021 15:10

Xosé Manuel e Maricarmen son os responsables da gandería García, en Regoelle. Cando volveron da emigración, hai 24 anos, colleron a explotación familiar con 17 vacas e hoxe en día contan con 82 cabezas de gando, das que 45 son vacas en lactación.

De todas elas a máis destacada é esta, Perlita, toda unha veterana de 10 anos de idade, e que chegou aquí ha tres anos procedente doutra granxa da Coruña.

"Daquela xa estaba rondando os 65 litros de leite nesa explotación e xa me gustou a vaca esta e a trouxen e aquí aumentouna, no momento de chegar adaptouse ben, aumentou e así está", di Xosé Manuel.

Un aumento que se traduciu na asombrosa cifra de 23.610 quilos de leite en 305 días de lactación, ou o que é o mesmo, máis de 77 litros de leite ao día de medía, aínda que no momento de máxima produción chegou a rondar os cen: "Pois foron controlados unha media de 95 litros de leite, no pico de lactación, na lactación máis alta, 95 litros de leite ao día".

As súas compañeiras de corte tampouco quedan atrás. Segundo o ránking da Federación Frisoa Galega gandería García é a oitava explotación máis produtora da comunidade, cunha media de cáseque 14.500 quilos de leite por vaca e ano. "A clave é bastante traballo, un traballo constante, e sobre todo que os animais estean en boas camas, en condicións ben de descanso, e sobre todo a base é a comida. a comida non ten que ser especial, pero si canto mellor sexa a comida, cunha calidade de forraxes moi bos, eso é o máis importante para que chegues ao nivel este de leite".

Perlita está agora mesmo preñada de xemelgos, asi que a saga pode continuar.

 

Noticias web

26/07/2021