Peregrina desde Roma para concienciar sobre o dano cerebral
Un veciño de Áraba que sufriu unha lesión cerebral percorreu o Camiño de Santiago desde Roma para facer visible o dano cerebral adquirido e reclamar que se dea cobertura aos tratamentos de rehabilitación precisos. Á súa chegada a Compostela foi sorprendido por máis de medio cento de afectados e familiares que acudiron a recibilo e apoiar a causa.
Jon Karla sufriu un infarto con parada respiratoria o 20 de abril de 2013 que lle ocasionou unha lesión cerebral. Con moita rehabilitación e co apoio dos seus logrou superar boa parte das secuelas.
Hai 108 días, este vasco de nai galega, emprendeu o Camiño de Santiago a pé desde Roma en nome dos seus compañeiros da Asociación de Dano Cerebral Adquirido de Áraba. O propósito da súa peregrinación, ademais de concienciar sobre o dano cerebral, é reclamar a cobertura dos tratamentos de rehabilitación.
Unha comitiva de máis de medio cento de persoas, entre elas 33 membros da Asociación de Dano Cerebral de Áraba, e representantes tamén da asociación Sarela de Santiago, recibiron a Jon Karla e o seu compañeiro de camiño, o arxentino Jorge Romeo, á súa chegada á praza do Obradoiro. Ao longo do percorrido, os camiñantes lograron reunir máis de nove mil euros para a asociación.