CRTVG

Buscar

O incendio do polígono lugués do Ceao leva a incerteza ás empresas afectadas

Publicado o 12/04/2021 14:23

Un día despois do incendio que arrasou por completo seis naves do polígono do Ceao, media ducia de dotacións de bombeiros seguen a traballar nesta zona catastrófica. Vixían para evitar que se reaviven as lapas nos restos fumegantes e controlan os niveis de gases tóxicos das empresas da contorna antes de que os traballadores retomen a actividade.

Miguel López Palacios, sarxento dos bombeiros de Lugo: "Estamos intentando controlar os focos que quedan do incendio, para que non se propaguen ás naves lindeiras, e restablecer pouco a pouco a normalidade en todas as empresas que non se viron afectadas ou que se viron minimamente afectadas polo incendio. Temos montada unha zona cero, na cal debemos garantir o paso dos vehículos de extinción de incendios, e non podemos restablecer a actividade ata que non comprobemos como está o interior deses recintos, principalmente coa medición do monóxido de carbono". "Agora mesmo está un bombeiro facendo medicións de monóxido de carbono dentro das oficinas, e estamos esperando a que nos dean permiso para poder empezar a traballar", di un empregado da empresa de caldeiras Onemons.

Á espera da avaliación por parte dos peritos das compañías de seguros, estímase que as perdas ocasionadas polo lume son millonarias. Só nunha das empresas afectadas, dedicada aos recambios, valoran as perdas nuns 15 millóns de euros e están á procura doutras naves para retomar a actividade.

Francisco Dorado, dono de Recambios Fraín e presidente dos empresarios do Ceao e das Gándaras: "Pensamos que non quedaba nada de nada. Hoxe vimos que se pode recuperar algunha cousa, co temos que valoralo outra vez. Aí había furgóns, camións, informática, estanterías estaban cheos os almacéns, polo que entre 12 e 15 millóns é o que contamos como perdas". "Pasou todo o nerviosismo de onte, vendo perigar os postos de traballo e vendo como nunha hora o que che pode cambiar todo", sinala un empregado de Dielectro.

A peor parte levárona as empresas locais máis pequenas, que perderon todo canto tiñan. No seu caso, hai incerteza entre os empregados, que descoñecen cando poderán volver aos seus postos de traballo.

Noticias web

12/04/2021