CRTVG

Buscar

Pequenos cambios nas restricións a partir deste mércores

Publicado o 16/02/2021 12:14

As grandes superficies comerciais seguirán sen poder abrir as fins de semana, pero o comercio non esencial recupera o seu horario habitual desde mañá mércores. No interior a ocupación seguirá limitada ao 50 %.

Beatriz Gómez, presidenta da Federación de comercio de Ourense: "É un fío de esperanza porque agora os días están medrando e a xente sae á rúa algo máis tarde. É importante que o comercio estea aberto nese horario en que a xente sae".

Volven tamén as actividades culturais coa reapertura de bibliotecas, museos, auditorios, salas de exposición, teatros e cines, cunha ocupación do 30 %.

Retómanse as competicións deportivas autonómicas e permítese a apertura de instalacións para practicar deporte individual ao aire libre. As residencias de maiores que completaran o ciclo de vacinación hai 10 días permitirán ata tres visitas semanais de dous familiares.

Igualmente, os residentes en centros de discapacitados xa vacinados poderán facer saídas de fin de semana a partir de mañá. Os restaurantes das áreas de servizo poderán abrir pero só para atender os profesionais do transporte.

Un camioneiro di: "Menos mal, porque para nós é moi duro ter que comer bocadillos ao mediodía e pola noite. Non podemos ir á casa e son moitas horas de traballo sen comer nada quente".

Os outros bares e restaurantes seguirán pechados, polo menos, unha semana máis.

Noticias web

16/02/2021