Peonalizan un carril da rolda da muralla de Lugo para facilitar a distancia de seguridade
De sempre a muralla de Lugo ten un aquel moi especial que a converte nun dos espazos preferidos polos lugueses. De feito, nada máis permitírense os paseos, foi o escenario que escolleron centos de persoas para camiñar ou facer deporte. Pero a xente acumulábase no adarve, polo que no Concello decidiron peonalizar un dos dous carrís que a rodean.
Así, desconxestiónase o adarve e pode haber unha distancia maior entre as persoas. Tamén se ve como un ensaio para unha futura peonalización da rolda da muralla.
A finais deste ano, este tramo da rolda peonalizarase de xeito definitivo. Polo de agora descoñécese ata cando se vai manter peonil o carril pegado á muralla.
Para aumentar a distancia social, dende o Concello tamén se lles recomenda aos veciños camiñar sempre pola súa dereita.