CRTVG

Buscar

'Pensar coas mans', a evolución da artesanía galega, exponse na Cidade da Cultura

Publicado o 12/04/2019 17:58

Unha nova exposición amosa desde hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago, a evolución da artesanía galega desde a Idade de Ferro ata a actualidade. Cestería, cerámica e xoiería integran esta viaxe cara a atrás no tempo que reivindica a autenticidade do feito á man fronte á produción industrial seriada.

Catro cúpulas xigantes reciben o visitante da exposición 'Pensar coas mans', para amosarlle, de entrada, o que fan hoxe os artesáns e as artesás galegas. Conforman entre todas un espazo aberto pensado para a participación.

Verónica Santos, comisaria da exposición: "Un espazo para obradoiros, charlas talleres, esa era a nosa principal pretensión á hora de deseñar esta instalación, e ao mesmo tempo amosar a contemporaneidade"

As pezas de cestería expostas funcionan como recipientes-expositores de mostras da xoiería e da cerámica galegas do século XXI. A arquitecta Izaskun Chinchilla inspirouse nas sete lámpadas de John Ruskin, defensor do movemento arts and crafts, para deseñar este espazo do que parte a mostra e viaxar cara a atrás no tempo ata chegar á artesanía galega da Idade do Ferro.

Verónica Santos, comisaria da exposición: "Esa diversidade de usos, zonal, de técnicas que algunhas están en perigo de desaparecer..."

Máis de 5.000 persoas, a maioría mulleres, dedícanse á artesanía en Galicia. Nesta mostra, aberta ata o vindeiro mes de setembro, exhíbense 250 pezas de 65 artesáns e artesás, museos e coleccionistas privados.
 

Noticias web

12/04/2019