CRTVG

Buscar

O Tribunal Superior de Galicia rexeita o certificado Covid na hostalería

Publicado o 14/08/2021 17:55

• Os maxistrados denegan a petición da Xunta que preparou medidas alternativas | Haberá peche de interior dos locais e redución de ocupación nos concellos con maior incidencia

 

O Tribunal Superior de Galicia rexeita o certificado Covid na hostalería

Fin da espera polo permiso xudicial para o uso do certificado Covid en Galicia para entrar na hostalería e no ocio nocturno. O TSXG denega a autorización que lle pediu a Xunta o venres e rexeita autorizar que certos establecementos teñan a obriga de pedirlles aos clientes o coñecido como pasaporte covid.

Nos próximos días coñecerase o contido íntegro da orde xudicial. Ante a eventualidade de que o tribunal galego seguira os derroteiros do que fixeron noutras comunidades autónomas, a Xunta preparou un plan alternativo con peches no nivel superior de restricións. A medida aplicábase  desde hai tres semanas en Galicia e os clientes tiñan que presentar o certificado de vacinación ou acreditar proba negativa recente ou ter superada a enfermidade para poder acceder ao interior de negocios de hostalería en lugares con niveis alto e máximo; e do ocio nocturno en medio e medio-baixo. O xoves o TSXG determinou que a medida non estaba en vigor e deixouna sen efecto sen aval xudicial. A xunta enviou a solicitude pertinente e en 24 horas chegou a negativa.

A Fiscalía si informou de xeito favorable e dixo era "procedente autorizar as medidas sanitarias previstas".

Co non do Tribunal Superior de Galicia a partir da medianoite do martes ábrese un novo panorama para a hostalería e o ocio nocturno. O interior de bares, cafetarías e restaurantes en concellos en nivel máximo, agora mesmo só o Grove, non poderán abrir e en nivel alto, todas as cidades menos Santiago e Ourense e distintos concellos, manterán un 30 % da ocupación. No ocio nocturno nos concellos en niveis medio e medio-baixo a ocupación interior caerá ao 30 %.

O comité clínico revisará as medidas o martes.

 

 

 

 

Noticias web

14/08/2021