Stellantis Vigo confirma que o paro se vai prolongar, como mínimo, ata o 28 de maio
A falta de aprovisionamento na planta de Stellantis Vigo leva a fábrica de Balaídos a suspender a súa produción pola crise dos microchips ata novo aviso.
A paralización dos dous sistemas de produción desta planta viguesa afecta a 7.000 traballadores, dos cales máis de 3.500 deben acollerse a un ERTE.
Esta falta de subministración tamén afecta de xeito indirecto ás empresas auxiliares e os seus traballadores, que están abocados á paralización da súa produción.
Polo de agora non hai unha data exacta para a volta ao traballo, o Sistema 1, se se cumpren as previsións podería facelo a vindeira fin de semana, pero os sindicatos prefiren ser cautos, á espera da reunión que manterán mañá a partir das 12 e media con representantes da dirección da empresa Stellantis Vigo.
"O máis probable é que ata o venres estea parado o sistema 1 e o sistema 2 previsiblemente ata o domingo. Mañá temos unha reunión na que esperamos que nos digan algo á parte da semana de vacacións que quedaba pendente de fixar", apunta Aser Sanz, secretario xeral de UXT Stellantis Vigo.
"Entendemos que todas as fábricas do estado están nunha situación similar, ou incluso peor, pero entendemos que a empresa non xestionou dun xeito axeitado para que nós poidamos conciliar a nosa vida laboral coa familiar. Os avisos non foron de todo precisos, ou cunha antelación que si tiñan as empresas auxiliares", indica Santiago García, secretario xeral de CCOO Stellantis Vigo.