Pedro Sánchez reuniuse co presidente arxentino para estreitar lazos económicos
A da Arxentina é a primeira escala de Pedro Sánchez na súa xira por Latinoamérica. O presidente do Goberno reuniuse co seu homólogo Alberto Fernández para compartiren experiencias sobre a pandemia e estreitaren lazos económicos.
Unha relación sólida e unha gran sintonía política: estas son as sensacións transmitidas polo presidente arxentino Alberto Fernández con motivo da primeira visita oficial de Pedro Sánchez á Arxentina. Durante o seu encontro, ambos os presidentes renovaron a asociación estratéxica entre os dous países, símbolo dunhas relacións bilaterais cada vez máis estreitas.
De feito, Sánchez manifestou o seu apoio total ao Goberno arxentino nas negociacións co Fondo Monetario Internacional para aliviar a súa débeda externa e apoiou a estratexia sanitaria do executivo de Alberto Fernández.
Todo isto forma parte dunha viaxe oficial de menos de 24 horas que rematará cunha homenaxe de Pedro Sánchez aos españois desaparecidos durante a última ditadura militar na Arxentina.