CRTVG

Buscar

Os contactos de Sánchez con Casado e Arrimadas non modifican as posturas ante a investidura

Publicado o 16/12/2019 19:32

Pablo Casado criticou este luns que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, só está a esperar "un certificado" de ERC desde o cárcere para rubricar o acordo que libremente elixiu con Unidas Podemos e o PP segue negándose a absterse ante este pacto.

Tras a reunión que mantivo con Sánchez durante algo máis de media hora no Congreso para falar sobre a posible investidura do candidato socialista, asegurou que o PP "non pode absterse ante un Goberno socialista cos comunistas de Podemos, que sería letal para España".

O encontro empezou sobre as 9:40 horas, con certo atraso sobre o horario previsto, despois de que ambos posaran uns minutos para os medios gráficos con caras moi serias.

Sánchez iniciou con Casado a rolda de contactos anunciada tras recibir o mércores pasado o encargo do Rei de presentarse á investidura.

Esta fin de semana, Casado xa avanzara ao candidato á investidura de que non esperase nada deste encontro, porque o PP "é a alternativa para acabar coa deriva nacionalista e anticonstitucional dun socialismo que perdeu a súa esencia". 

Arrimadas ofrécelle a Sánchez un acordo de 4 puntos para un Goberno moderado

Á reunión co líder popular seguiulle un encontro, ás 11.00 horas, coa portavoz de Ciudadanos, Inés Arrimadas, tamén na cámara baixa. Arrimadas ofreceu ao líder socialista, Pedro Sánchez, un documento para chegar a un acordo de gobernabilidade moderado e estable en base a catro puntos: Pactos de Estado, un pacto nacional pola educación, non subir os impostos e unha reforma electoral.

Tras manter a súa primeira reunión con Pedro Sánchez, Arrimadas insistiu en que a "vía dos 221 escanos (PSOE, PP e C's) é factible: se o fixemos en Europa, por que non o podemos facer en España?", preguntouse nunha conferencia de prensa no Congreso. 

Mentres, continúan as críticas polas negociacións do PSOE con Esquerra. A esas críticas respostou onte o secretario de Organización do PSOE. Ábalos insta a Esquerra a darse présa para evitar que o acordo aborte. Pero os independentistas enfróntanse esta semana a unha morea de citas xudiciais que están a influír tamén nas negociacións.

Vista hoxe en Bruxelas para decidir a extradición de Puigdemont, decisión o xoves do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a inmunidade de Oriol Junqueras, e mesmo a sentenza do xuízo a Torra por desobediencias que podería rematar en inhabilitación.

Comeza unha semana complicada, ante a que Esquerra afirma que activar a vía política pasa por desactivar a vida xudicial: "Activar a vía política quere dicir desactivar as outras vías tamén, entre elas a penal e a xudicial. Queda moito camiño por percorrer. Temos xente no cárcere, xente no exilio", dixo o coordinador nacional de ERC, Pere Aragonés.

No Congreso en que o PSC confirmaba o liderado de Iceta, a aposta pola vía federal e o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado, o secretario de organización do PSOE respondeu ás críticas internas dalgúns baróns territoirais e instou a Esquerra a non perder o tempo e a evitar que aborte a vía do diálogo.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, dixo que "é unha oportunidade para esa tese, a de que os conflitos se resolven pola vía do diálogo, porque se neste momento non se aproveita esa oportunidade, a tese do diálogo tamén quebrará, porque dalgún xeito se demostrará que non hai posibilidades tampouco para o diálogo".

Lorena Roldán, de C's, retrucou: "Non entendemos que o PSOE prefira ceder á chantaxe de ERC en lugar de apostar pola vía Arrimadas, a vía dos 221 escanos. Os votantes do PSOE, a xente de centro, está desexando que os constitucionalistas nos poñamos de acordo"

Para Ana Beltrán, do PP "eses baróns socialistas teñen que ser valentes, que agora están acobardados, acomplexados, ante o que está facendo Sánchez e non son capaces de plantarlle cara, ante o que pretende facer co noso país, que é simplemente despedazalo".

Ábalos respondeu cualificando de cinismo e hipocresía a dereita, e dixo que coas súas críticas só pretenden sacudir a súa propia responsabilidade na gobernabilidade de España para facer unha oposición tensa.

 

Noticias web

16/12/2019