Sánchez reúne a Executiva Federal para analizar a derrota do PSOE
O Partido Socialista pasou de gañar as eleccións hai dous anos a ser a terceira forza na Asemblea madrileña. Ángel Gabilondo perdeu 13 escanos e case 300.000 votos. Uns resultados inesperados, dixo o candidato, que esixen reflexión.
Ángel Gabilondo, candidato do PSOE á presidencia da Comunidade de Madrid: "Non fun capaz de abrir espazos para un debate sosegado. Non o logrei e laméntoo".
Os socialistas só venceron en tres pequenos municipios madrileños. Perden os tradicionais feudos do chamado cinto vermello. Pero o secretario de Organización do PSOE di que os resultados non son extrapolables.
Jose Luís Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "Esta é unha comunidade moi importante, pero non representa o conxunto de España, como tampouco o representaron outras eleccións recentes".
A valoración do líder do PSOE chegou por Twitter. Pedro Sánchez felicitou a Díaz Ayuso, e dixo que o partido sempre estará listo para traballar por un Madrid mellor. Sánchez adianta a mañá a reunión da executiva federal para analizar un mal resultado que no Executivo cren que non compromete a lexislatura.
Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno: "Sairemos adiante coma sempre, con reflexión. Porque queda unha lexislatura por diante para o Goberno de España extraordinariamente importante".