Sánchez recibe o apoio da cúpula da UE ao plan de acollida de refuxiados afgáns
• Reivindican a solidariedade europea ante situacións de crise
Unidade de acción das institucións europeas ante a crise de Afganistán. Iso é o que escenificaron este sábado no centro de acollida da base de Torrexón Pedro Sánchez e os presidentes da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e do Consello Europeo, Charles Michel. Os tres reivindicaron os valores europeos da defensa dos dereitos humanos e da solidariedade.
"Solidariedade con aqueles que están sufrindo e, en especial, con aqueles cos que temos un compromiso, sobre todo as mulleres e os nenos, de protección das súas vidas e tamén do seu futuro. Díxeno antes en inglés e dígoo agora en español: a Unión Europea responde", declaraba o presidente do Goberno na súa comparecencia.
Sánchez dixo que é unha "auténtica traxedia" o que está a vivir Afganistán, pero tamén salientou que os vinte anos alí de presenza internacional non foron de balde. Explicou esas dúas décadas posibilitaron construír moitas escolas, centros hospitalarios, redes de comunicación e a independencia para moitas mulleres. "Ninguén está poñendo panos quentes a unha auténtica traxedia, que é o que estamos vendo diariamente nos medios de comunicación en Cabul, pero en todo caso creo que é tamén moi importante reivindicar o que fixo Europa, o que fixo a comunidade internacional nestes vinte anos en Afganistán", sinalaba Pedro Sánchez
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen foi concluínte nas súas declaracións. Asegurou que non haberá conversas políticas cos talibáns e que non se lle vai dar un euro a un réxime que non garante os dereitos humanos e especificamente os das mulleres e os das nenas.