CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez apela á mobilización electoral "fronte ás tres dereitas"

Publicado o 17/02/2019 21:02

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, proseguía esta mañá coa súa precampaña electoral en Estremadura e alí apelou á "España moderada e sensata" para frear nas urnas o que cualifica como "involución das tres dereitas". Sanchez propugnou unha "España unida aos valores constitucionais".

Pedro Sánchez visitaba Mérida e alí escenificou a unidade, entre eloxios mutuos, co presidente estremeño, Guillermo Fernández Vara, que foi crítico nalgunhas ocasións co líder do PSOE. Sánchez dixo que desde que os socialistas chegaron ao Goberno demostraron que "outra España é posible": a do "estado de benestar e da políticas sociais".

"No 2018 demostrámolo e o próximo 28 de abril os españois van referendar co seu voto esa España que é posible: unha España solidaria, aberta, optimista; unha España progresista, moderada e sensata que lles dá as costas á crispación, ao enfrontamento e á confrontación, que fai política para unir os españois".

O líder do PSOE fixo a un chamamento á mobilización electoral, non só aos votantes de esquerda, senón -segundo dixo- a aqueles "cidadáns que queren conquistar o futuro e non volver ao pasado".

"Que representou a foto da praza de Colón de hai unha semana? Involución, involución... é unha foto que vai contra a historia. E España o que necesita é conquistar o seu futuro na próxima década, non volver corenta anos atrás", dixo Sánchez.

Por último, insistiu en que tanto o PP como Ciudadanos se atan á ultradereita co "cordón sanitario" que lle queren impoñer ao PSOE.

Noticias web

17/02/2019