CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez promete ante o rei o cargo de xefe do Goberno

Publicado o 08/01/2020 11:16

• O rei chancea con Sánchez: "Foi rápido. A dor vén despois"

• PSOE e Podemos crean dúas mesas para coordinar a acción parlamentaria e o Goberno

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, prometeu este mércores o seu cargo ante o rei no Palacio da Zarzuela, un acto que protagonizou por segunda vez e no que, do mesmo xeito que na primeira ocasión, fíxoo ante a Constitución e sen presenza da Biblia e o crucifixo.

O Salón de Audiencias do palacio acolleu este breve acto, no que Sánchez adquiriu a condición de xefe do Executivo para liderar o primeiro goberno de coalición da democracia, entre PSOE e Unidas Podemos, tras obter onte, martes, a confianza do Congreso con 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións, entre elas, as de ERC e EH  Bildu.

Ante as principais autoridades do Estado e tras a lectura do real decreto rubricado polo rei co nomeamento de Sánchez e publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado, Sánchez procedeu a ler o texto da promesa coa súa man dereita apoiada na Constitución.

"Prometo, pola miña conciencia e honra, cumprir fielmente coas obrigacións do cargo de presidente do Goberno, con lealdade ao rei, e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado, así como manter o secreto das deliberacións do Consello de Ministros", recitou Sánchez.

O exemplar da carta magna estivo aberto polo artigo 99, en que se recollen, entre outros preceptos, a facultade do rei para consultar aos partidos e propoñer un candidato á presidencia do Goberno e o procedemento para lograr a investidura.

E un dos primeiros retos que lle agardan ao presidente é a composición do Goberno. De feito, en contra das présas para a investidura, non o anunciará ata a semana próxima. Din no PSOE que quedan cousas por pechar e que Sánchez busca un Executivo moi solvente para catro anos que prevén complicados.

Os seus socios de Goberno prometen unidade arredor do presidente. Aínda que Sánchez teña que ratificalos, Podemos xa filtrou os nomes dos dirixentes do seu partido que estarán no Consello de Ministros.

Hai máis dúbidas sobre a parte socialista. O último que transcendeu, segundo fontes do PSOE, é que María Jesús Montero conservaría Facenda e sería tamén a portavoz do Goberno. Cando Sánchez teña todo decidido volverá á Zarzuela para entregarlle ao Rei a listaxe cos ministros.

O rei chancea con Sánchez: "Foi rápido. A dor vén despois"

O rei chanceou con Pedro Sánchez tras a cerimonia na que tomou posesión como presidente do Goberno, xa que ante a brevidade do acto de promesa, comentou que "foi rápido, simple e sen dor", ao que engadiu que "a dor vén despois".

Unha vez que Sánchez prometeu o seu cargo no Salón de Audiencias do Palacio da Zarzuela, Filipe VI dirixiuse a el para darlle o parabén, momento no que o xefe do Goberno afirmou: "Oito meses para dez segundos".

Unhas palabras, que puideron escoitar os xornalistas que cubrían a cerimonia, coas que Sánchez se referiu á breve duración do acto da promesa fronte aos oito meses transcorridos desde as eleccións xerais do 28 de abril.

O monarca apostiloulle que foi "rápido, simple e sen dor", aínda que, a continuación, precisou en ton de broma que "a dor vén despois".

O comentario foi acollido con risas por parte do presidente do Goberno, quen recoñeceu ante Felipe VI: "Démoslle moitas preocupacións".

Sánchez tamén comentou ao xefe do Estado que o vía "máis delgado".