Pedro Sánchez preside o primeiro Consello de Ministros tras a crise de Goberno

O xefe do Executivo Pedro Sánchez presidiu este martes a primeira reunión do Consello de Ministros tras a remodelación ministerial que desvelou o pasado sábado e que supuxo a entrada de sete novos membros e varios cambios na estrutura do Executivo.
Antes da reunión, Sánchez e os 22 membros do Gabinete posaron no Palacio da Moncloa ante as cámaras para a tradicional foto de familia do novo Goberno.
Estaba previsto que o Consello aprobase o proxecto de lei de memoria democrática, pero decidiuse aprazar despois da substitución de Carmen Calvo, que fora quen impulsara esta iniciativa, á espera de que o seu substituto como novo ministro de Presidencia Félix Bolaños coñeza os detalles do proxecto.
O que si se aprobou é o primeiro proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) relativo ao sector da automoción. Esta inicitativa suporá un investimento público de 4.295 millóns de euros, que Pedro Sánchez presentou xa este luns.
Os ministros que acudían por vez primeira a esta reunión son os de Presidencia (Félix Bolaños), Asuntos Exteriores (José Manuel Albares), Xustiza (Pilar Llop), Transportes (Raquel Sánchez), Educación (Pilar Alegría), Ciencia (Diana Morant) e Política Territorial (Isabel Rodríguez).
Rodríguez estreouse como portavoz do Goberno na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello. Antes da foto de familia, as dúas ministras escenificaron ante a prensa nos xardíns da Moncloa o relevo na portavocía. María Jesús Montero dixo estar encantada con esta remuda e asegurou que Rodríguez trasladará unha "impronta propia, nova, con frescura".
Tamén Nadia Calviño, Yolanda Díaz e Teresa Ribera asistiron a este Consello de Ministros na Moncloa estreando o ascenso nas respectivas vicepresidencias ao reducirse de catro a tres.
Miquel Iceta, pola súa parte, sentou na reunión por primeira vez como ministro de Cultura e Deporte, e María Jesús Montero, que xa non vai exercer de portavoz, suma ás súas responsabilidades de Facenda as de Función Pública.