CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez dálle a alternativa a Ángel Gabilondo, que se presenta como un candidato "insulso, serio e formal"

Publicado o 20/03/2021 14:33

Pedro Sánchez presentou a Ángel Gabilondo como o candidato "oposto ao narcisismo", en referencia a Díaz Ayuso. Dixo que Madrid ten os peores datos sanitarios de España e o récord de exclusión social e de pobreza infantil, malia recibir 3.300 millóns de euros do fondo covid.

Explicou Sánchez que os socialistas lles regalan "o espectáculo aos demais" e que Gabilondo está para facer política en serio: "Gabilondo e o partido socialista encarnan todo o que necesita un goberno serio para Madrid. Seriedade para vacinar, seriedade para recuperar a economía e crear emprego, e seriedade para non deixar a ninguén atrás. Seriedade, en definitiva, para gobernar, para ocuparse dos problemas reais da xente".

O propio Gabilondo presentouse como un candidato "insulso, serio e formal". Insulso porque non lle van as liortas, serio porque é contrario á frivolidade política, e así explicaba por que é formal: "Será porque, desde logo, o descaro e o insulto a min non me representan. Non son capaz, ás veces ensaio, pero non me sae. Será porque non creo nin no odio, nin creo que a tensión sexa o camiño para resolver os problemas da sociedade. Será porque definitivamente eu non son un político de márketing".
 

Noticias web

20/03/2021