CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez comprométese a acelerar as axudas económicas para A Palma

Publicado o 23/10/2021 20:20

Quinta visita de Pedro Sánchez á Palma desde o inicio da erupción en Cumbre Vieja. Este sábado asistiu á xuntanza do comité director que fai o seguimento do volcán e despois comparecía ante os medios para anunciar que se acelerarán as axudas económicas aos damnificados: "Quero dicirlles que non caian na desesperanza, que non abandonen a esperanza, que a solidariedade do conxunto do pobo español está aquí, na illa da Palma, que o Goberno de España está aquí, na illa da Palma, e que imos estar aquí todos e cada un dos días que dure esta crise".

Pedro Sánchez explicou tamén que se aprobará un novo escudo social que incorporará as demandas realizadas polos traballadores autónomos afectados. O presidente do Goberno pediulles aos palmeiros que non lles decaia o estado de ánimo: "No consello de ministros deste próximo martes imos facer unha modificación orzamentaria no fondo de continxencias para que se acelere aínda máis a chegada dos recursos económicos procedentes tanto do plan de emprego de 63 millóns de euros, que estaban inscritos no plan de reconstrución da Palma, coma das axudas do Ministerio de Agricultura e Pesca, que son 6,8 millóns de euros".

O titular do executivo asegurou que queda unha "tarefa inxente" de reconstrución e destacou a unidade das administracións para levala a cabo. A unidade, dixo, é necesaria para trasladarlles aos palmeiros "certezas, serenidade e seguridade".

Noticias web

23/10/2021