CRTVG

Buscar

Pedro Castillo xa é o presidente do Perú

Publicado o 24/07/2021 01:11
Pedro Castillo xa é o presidente do Perú

Pedro Castillo

O sindicalista Pedro Castillo recibiu as credenciais de presidente electo do Perú para o período 2021-2026. Fóronlle entregadas nunha cerimonia oficial organizada polo Xurado Nacional de Eleccións. No mesmo acto Dina Boluarte recibiu as credenciais de vicepresidenta.

No seu discurso, Castillo negou que vaia implantar no país un goberno con "modelos doutros estados", en referencia ao fujimorismo e aos partidos da dereita, que o acusan de ser comunista e chavista. Castillo negou ser comunista e asegurou que combaterá o terrorismo, "veña de onde veña".
Castillo foi proclamado presidente electo do Perú o luns pasado, un mes e medio despois dos comicios que lle gañou a Keiko Fujimori, quen adiou o nomeamento con máis de mil impugnacións nas que denunciou sen probas unha suposta fraude.