Cambados estrea máximas restricións no seu peor momento da pandemia
A Policía Local realizou un control este mediodía na zona da Ponte de Castrelo, ás aforas de Cambados. Os axentes vixían que se cumpra o peche perimetral.
"Estamos en máxima, non pode entrar nin saír ninguén, salvo causa xustificada, e agás os residentes en Cambados", di un axente da Policía Local.
É unha das medidas decretadas neste concello pontevedrés pola alta transmisión do virus. "Estou preocupado", recoñece un veciño da localidade.
Hai 85 casos activos e a incidencia a 14 días xa acada os 597 por cen mil. Por iso é necesario: "evitar festas familiares, e reunións de non convivientes, estaremos vixiantes porque estamos no peor momento da pandemia en Cambados", asegura Tino Cordal, concelleiro de Sanidade e Seguridade Cidadá de Cambados.
Temen que o virus se transmita ás localides próximas e preocupa especialmente o ámbito educativo, onde se están a realizar cribados. A hostalería tamén está pechada, só se permite o servizo a domicilio ou para levar.
Verónica Vilariño, unha hostaleira de Cambados, di: "Non podemos botar moito máis tempo así porque senón moitos locais non volverán abrir".
Quedan prohibidas as reunións de non conviventes e o toque de recollida podería manterse tras a suspensión do estado de alarma, a partir do domingo, se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a Xunta.