Peche de campaña en Madrid con chamamentos ao voto masivo
Xornada de reflexión en Madrid. Os líderes nacionais arrouparon os candidatos á presidencia da Comunidade de Madrid nos mitins de peche de campaña. Os partidos de esquerda chamaron a mobilizarse masivamente para evitar que chegue a ultradereita ao goberno. Partido Popular e Vox pediron o voto para acabar co sanchismo e os seus socios.
Peche de campaña no Dous de Maio, a festa autonómica de Madrid. Os partidos reiteraron as mensaxes que repetiron nestes quince días, marcados pola polarización e os enfrontamentos. Pedro Sánchez alertou do que significaría un goberno apoiado por Vox.
Os socialistas chaman a un cambio semellante ao que houbo nos Estados Unidos, Biden por Trump. Gabilondo por Ayuso.
Consciente de que se xoga moito máis que a presidencia de Madrid, Pablo Casado arroupou a súa candidata no acto de peche dunha campaña en que fixo un chamammento a unir o voto no Partido Popular.
A derradeira mensaxe de Isabel Díaz Ayuso, igual ca en toda a campaña, volveu enfocarse contra o sanchismo.
Ciudadanos, que xoga a súa representación nestas eleccións e pasou toda a campaña coas enquisas en contra, reivindicouse como o partido moderado de centro que pode frear a entrada da ultradereita no Goberno de Madrid.
Unidas Podemos fai chamamento á mobilización para acabar con 26 anos de goberno do Partido Popular en Madrid.
Alentados por unhas enquisas que prognostican un aumento dos apoios que tiveron en 2019, Más Madrid chama a encher as urnas cos votos da esquerda para evitar que goberne o PP con Vox.
Peche de campaña de Vox na praza de Colón. Rocío Monasterio pide un voto masivo das dereitas con dous obxectivos claros.
Todo se decidirá mañá nestas eleccións anticipadas e atípicas, en día laborable, que van máis alá dunhas eleccións autonómicas.